Sede Electrónica do Ministerio de Economía e Competitividade
Estás en:
  1. Inicio
  2. Subseu ICAC

Subseu ICAC

Instituto de Contabilidade e Auditoría de Contas

O Instituto de Contabilidade e Auditoría de Contas (ICAC) é un organismo autónomo, adscrito ao Ministerio de Economía e Competitividade, regulado pola Lei 19/1988, do 12 de xullo, de auditoría de contas, o Real decreto 1636/1990, do 20 de decembro, que a desenvolve e a Lei 44/2002, do 22 de novembro, de medidas de reforma do sistema financeiro, que modifica varios artigos da Lei 19/1988.

Competencias

O Instituto de Contabilidade e Auditoría de Contas ten atribuídas as seguintes competencias:

  • Realización dos traballos técnicos e proposta do Plan xeral de contabilidade adaptado ás directivas da Comunidade Europea e ás leis en que se regulen estas materias, así como a aprobación das adaptacións deste plan aos distintos sectores da actividade económica e o establecemento dos criterios de desenvolvemento.
  • Perfeccionamento e actualización permanentes da planificación contable e da actividade de auditoría de contas.
  • Control e disciplina do exercicio da actividade de auditoría de contas regulada na Lei 19/1988, do 12 de xullo, e dos auditores de contas, mediante a realización de controis técnicos e o exercicio da potestade sancionadora.
  • Establecemento e mantemento do Rexistro Oficial de Auditores de Contas, a autorización para a súa inscrición neste, a determinación das normas básicas que haberán de seguir os exames de aptitude profesional que realicen as corporacións profesionais de dereito público, así como a aprobación das respectivas convocatorias e o control, vixilancia e custodia das fianzas que se constitúan.
  • Homologación e publicación, se é o caso, das normas técnicas de auditoría, elaboradas polas corporacións de dereito público representativas dos que realicen auditoría de contas, así como a elaboración, adaptación ou revisión das mesmas normas no caso de que as referidas corporacións non procedesen a efectuar tal elaboración, adaptación ou revisión.
  • A realización e promoción das actividades de investigación, estudo, documentación, difusión e publicación necesarias para o desenvolvemento e perfeccionamento da normalización contable e da actividade de auditoría de contas.
  • A coordinación e cooperación técnica en materia contable e de auditoría de contas cos organismos internacionais e, en particular, coa UE, así como cos nacionais, sexan corporacións de dereito público ou asociacións dedicadas á investigación.
  • Exercicio da potestade sancionadora aplicable ás sociedades polo incumprimento da obriga de presentar dentro de prazo o depósito de contas anuais no Rexistro Mercantil. Potestade atribuída ao ICAC polo Real decreto lexislativo 1564/1989, do 22 de decembro, polo que se aproba a Lei de sociedades anónimas (artigo 221).

Os órganos reitores do Instituto de Contabilidade e Auditoría de Contas son o Presidente, o Comité de Auditoría de Contas e o Consello de Contabilidade.

© 2012-2018 Ministerio de Economía, Industria e Competitividade